Lago Castiñeiras

Preto da capital das Rías Baixas, entre Vilaboa e Marín, atopámonos un lugar perfecto para gozar dun día ao aire libre: o Parque Natural do Lago de Castiñeiras, que conta con máis de 70 hectáreas de terreo repoboado de bidueiro, carballo americano, castiñeiro e algunha que outra especie exótica.

O lago é de orixe artificial e foi creado en 1950, pero non ten nada que envexar aos de orixe natural. Destaca pola súa riqueza en fauna e flora. Ademais, nas súas augas abondan as troitas, o que o converte en escenario perfecto para a temporada de pesca.

Ademais de gozar deste espazo natural, no lago de Castiñeiras atopamos o miradoiro de Cotorredondo, desde o que se poden contemplar unhas impresionantes vistas das tres rías
pertencentes ás Rías Baixas: Vigo, Pontevedra e mesmo a ría de Arousa.

Para aquelas persoas que busquen relax e tranquilidade, unha visita a Castiñeiras é a mellor opción.

O principal acceso ao lago atopámolo por Figueirido, aínda que tamén é posible facelo por Moaña ou Vilaboa. Entre a súa diversa oferta de lecer podédesvos atopar parques infantís,
barbacoas, merendeiros, fontes, mesas, cafetaría ou aparcadoiro.

Ademais da zona de lecer existe un coto de pesca, un Centro de Recuperación de Fauna Silvestre, un parque da natureza e unha aula da natureza.

O parque conta tamén con distintas rutas de sendeirismo a través das cales se poden divisar distintas especies da fauna e da flora da zona.

A súa contorna natural é perfecta para poder practicar actividades deportivas ou realizar rutas en bicicleta, a pé ou dacabalo.

Dentro do parque podedes atopar diversas casetas onde vos informarán sobre as actividades a realizar e os itinerarios.

Moi preto podedes visitar o miradoiro de Cotorredondo.

Category
Contorna